Vestixios do paleolítico

A importancia da nosa toponimía chega a ser tan forte que moitas veces as casualidades poden chegar a narrarnos a historia. Isto é o que ocorre no lugar de Pedras, onde foron achados materiais líticos do Plistoceno (2´59 millóns de anos-1000 BP). Estes materiais van presentar unhas características similares ás doutras zonas da contorna facilitando así o seu estudo.

Trátase dun xacemento ao aire libre que de ningún modo é un caso illado, pois forma parte dun conxunto de achados zonas dispersas da actual Comarca de Lemos, coincidindo co tramo Medio do Río Miño e o Río Cabe que nos permite levar a cabo un estudo sobre o poboamento da zona durante o Paleolítico Inferior (2´85 millóns de anos-127000 anos BP) . Que completa o estudo engadindo dous xacementos en cova (Cova Eirós en Triacastela e a Cova de Valdavara en Becerreá) que permiten elaborar uns coñecementos máis continuados e fiables, debido a que dentro das covas os restos vanse conservar mellor que ao aire libre. A pesar disto as sondaxes posteriores realizadas demostraron que os artefactos achados a maior profundidade eran diferentes aos atopados no resto da depresión, correspondéndose xeoloxicamente, pode que por proximidade, cos achados do macizo Chantada-Taboada. A inexistencia de cortes no terreo imposibilita coñecer o contexto sedimentario das dúas pezas atopadas pero a frescura das súas arestas suxire unha posición primaria in situ.

Atopáronse dez artefactos en cuarcita e seixo na cuberta endorrecida. Foron identificados cinco niveis arqueolóxicos homoxéneos, pero con certas variacións, e na terceira cata acadáronse os 1´6 metros de profundidade con respecto á superficie actual. Debido ás fortes choivas e ao conseguinte nivel freático, as intervencións non se puideron levar a cabo, o que imposibilitou un coñecemento da potencia real do xacemento. O nivel 3 foi o único identificado, neste recuperáronse dezasete artefactos líticos, e a maioría destes agrupados na metade norte da sondaxe, seis en cuarcita e once en seixo de pequeno formato.

O máis lóxico é crer que os vilelos-pedrascantos foron traídos, por proximidade, dende o Río Miño, pero a escaseza de matrices e produtos fai que se obtiveran poucos datos dominando as formas bifaciais e ortogonais. Como xa dixemos presenta similitudes coa zona arqueolóxica de Chantada e de Taboada, pero na Depresión monfortina temos un xacemento achelense (Modo 2, industria lítica orixinada fai uns 1´6 millóns de anos durante o Paleolítico Inferior. Caracterízase por unha elaboración de ferramentas máis complexa, podendo dividirse en varias fases de perfeccionamento) cunha gran similitude ao atopado en Pedras.

BIBLIOGRAFÍA:

FÁBREGAS VALCARCE, R.; DE LOMBERA HERMIDA, A. To the West of Spanish Cantabria: The Palaeolithic Settlement of Galicia, 2011.

Texto: Sandra Fernández.
Foto: Alberto López.

ARTIGOS RELACIONADOS:

http://www.lavozdegalicia.es/lugo/2008/03/31/0003_6692750.htm

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2011/07/xacementos-paleoliticos-de-galiza.html